UA-55725853-1

23 de xan. de 2014

O conto de Daniel (2)

Pero hoxe o malpocado sentíase rabioso polos fallos, por ter sido o centro da salvaxe atención dos outros nenos, e revolveuse do ataque do lobo sacando os dentes. Vitoria a medias foi o que gañou: o abusón, que non esperaba resistencia tal do ridículo Daniel, levou de regalo un bo rabuñazo e unha visita ao xefe de estudos. E Daniel, saboreando o mel da rebeldía, acompañouno.

María, aínda adormecida quere abrazalo, consolalo, secarlle as bágoas e cunha man cariñosa apartar todos os malos pensamentos, os pesadelos, os odios e os pesares. Pero tamén quere, ou mellor dito, ten que ser a mellor nai do mundo e polo tanto debe, ca razón, dominar os sentimentos, porque non pode permitir que o seu neniño querido pense que ela aproba que se pegue con outros nenos por moita razón que teña. Xa máis esperta, pásalle unha man polo pelo, aloumíñallo con delicadeza materna, e empeza a explicarlle con tranquilidade que fixo mal ao pegarlle ao outro neno e que debería pedirlle desculpas porque si o fai o outro rapaz vai quedar con cara de parvo e ao mellor non volve a ser quen de lle facer burla.

Pero Daniel revólvese rabioso e volve a chorar e entre bágoas e mocos apenas atina a explícalle que está farto de que os nenos lle fagan brincadeiras, que ata lle fai burla unha nena que se chama Cristina que todos os nenos din que a ela lle gusta el, pero el sabe que non é verdade por que ela dille cousas malas e lle da patadas ou bota a correr cando el se achega a ela como si el tivese algunha cousa contaxiosa como canto divo aquelas pintas coloradas polo corpo.

Entón María é a que, por dentro, comeza a chorar porque se decata de que o seu neno non é máis que un rapaz tratando de aprender a vivir loitando contra cousas que non comprende, un neno que pouco a pouco vaise facendo maior, e aguantando as báboas que queren asolagar os seus ollos, dáse a volta na cama e abrazando ao seu fillo apértalle a cara empapada contra o peito.

Daniel e María botan un bo rato na cama así abrazados. Pouco a pouco os saloucos do neno van sendo máis pequenos, máis suaves e na mesiña de noite, vitoriosa e fachendosa, a lámpada segue a iluminar toda a habitación. Hoxe gañoulle cunha boa man á escuridade nocturna pero aínda quere máis, espera que queden os dous durmindo e que non se lembren dela no que queda da noite.

“Mamá… cóntame un conto”

María que xa empezara a volver aos brazos de Morfeo abre os ollos. Con agarimo, solta ao seu neno que xa está máis tranquilo e incorpórase apoiando as costas no cabeceiro mentres o rapaz fai o mesmo ca súa cabeza nas pernas da nai. Sabe que Daniel non vai querer un non por resposta, que vaille levar tempo quedar durmido. Non lle queda outra. Paciencia de nai. Mentres apoia a man dereita na cabeza do seu fillo e con delicadeza comeza a cepillarlle o pelo entre os dedos, ca outra, para enfado da lámpada, tira do cordonciño.

A luz amarela cede o seu sitio ao luar que entra, impaciente, pola ventá, como dicindo, xa era hora, agora tócame a min, e María, con voz tranquila e pausada empeza a falar…

O conto de Daniel (1) O conto de Daniel (3)

Ningún comentario :

Publicar un comentario